O BAXI Ferrol estará no bombo dos cabezas de serie no sorteo de grupos da EuroCup Women. A FIBA dará a coñecer a composición definitiva dos grupos nun acto que terá lugar en Múnich o vindeiro mércores 23.
Unha vez establecido pola FIBA os equipos que participarán na competición e aqueles que, debido ao ránking segundo as súas federacións e as clasificacións nos campionatos nacionais, deberán disputar a fase previa, déronse a coñecer os catro bombos nos que se dividirán os equipos para o sorteo, e dos que se formarán doce grupos de catro equipos, cun compoñente de cada bombo.
Aínda que hai equipos de moito nivel nos outros bombos, con «trampas» como o temido Athinaikos grego, estar entre os seeds 1 permite ao BAXI evitar aos principais favoritos da competición na fase de grupos. Por outra banda, compre lembrar que os equipos españois evítanse na fase de grupos, xa que só pode haber un representante dun país por grupo.
O sorteo poderá seguirse o mércores 23, ás 11:00 horas, a través deste enlace na canle da Federación en YouTube.
