O BAXI Ferrol quere converter o encontro deste fin de semana fronte ao Araski AES —patrocinado polo Centro Comercial Odeón— nunha auténtica festa solidaria coa iniciativa “A Malata en rosa”, coincidindo co Día Internacional da Loita contra o Cancro de Mama.

Durante venres, sábado e domingo, o club lanza unha promoción especial da súa segunda equipación (de cor rosa):
👚 Camisola por 40 €
🩳 Pantalón por 20 €
As prendas estarán dispoñibles en Niebla Boutique e tamén o día do partido en A Malata, ata fin de existencias.

Por cada prenda vendida, o BAXI Ferrol doará 5 € á loita contra o cancro de mama. Ademais, todas as persoas que merquen a camiseta recibirán un agasallo solidario, cortesía de Niebla Boutique.

O primeiro equipo xogará de rosa o encontro ante o Araski AES, simbolizando o compromiso do club coa visibilización e o apoio ás mulleres que loitan contra esta enfermidade.

“Queremos que A Malata se encha de cor e solidariedade. Este é un xesto de apoio e concienciación, pero tamén unha forma de contribuír directamente á investigación e á axuda ás persoas afectadas”, destacan desde o club.

O BAXI Ferrol anima a toda a afección a vestir de rosa e sumar forzas nesta causa solidaria.
Dende o club agradécese especialmente a colaboración de Niebla Boutique e do Centro Comercial Odeón nesta iniciativa.