O BAXI Ferrol presenta o seu partido especial contra a violencia de xénero dentro da campaña da Xunta de Galicia
O BAXI Ferrol celebrou hoxe a presentación oficial do encontro correspondente á xornada 7 da LF Endesa, que se disputará o domingo 23 de novembro ás 18:00 horas, e que estará integramente dedicado á loita contra a violencia de xénero no deporte feminino. O partido enfrontará ao BAXI Ferrol co IDK Euskotren, no pavillón habitual do club.
Este evento forma parte da campaña institucional da Xunta de Galicia contra a violencia de xénero, unha iniciativa que pretende sensibilizar á sociedade e dar visibilidade ao compromiso do deporte feminino coa igualdade e a tolerancia cero ante calquera forma de violencia.
Durante o acto, presentado ante medios e entidades colaboradoras, estivo presente Martina Aneiros, quen destacou a importancia de que os clubs galegos participen activamente nesta causa. Subliñou ademais “o papel exemplar do deporte feminino como espazo de convivencia, respecto e educación en valores”.
Baixo o lema “NON á violencia de xénero”, o BAXI Ferrol anima á afección a acudir ao pavillón e sumar a súa voz a esta mensaxe unánime. As entradas poden adquirirse en Niebla Boutique ou a través da web oficial: www.universitarioferrol.org.
