BAXI Ferrol caeu este domingo por 81-75 na súa visita a Perfumerías Avenida, nun encontro da Liga Femenina Endesa marcado pola intensidade e polas continuas alternativas no marcador.
As ferrolás saíron moi concentradas ao partido e cun bo parcial inicial que lles permitiu mandar nos primeiros minutos, apoiadas no acerto exterior de Moira Joiner e nunha boa circulación ofensiva do conxunto.
O equipo mantívose sempre na loita, sen perderlle a cara ao encontro, e chegou aos últimos minutos con opcións reais, protagonizando un treito final moi intenso no que chegou a colocarse a só dous puntos.
A pesar de non lograr finalmente a vitoria, o BAXI Ferrol deixou unha excelente imaxe de competitividade fronte a un dos equipos máis potentes da liga, vendendo moi cara a derrota nun partido de alto nivel.
Cómpre destacar e agradecer a presenza dun centenar de afeccionados, que animaron e apoiaron ao equipo de principio a fin desde as bancadas.
