O estudo MDC acolleu a presentación oficial do libro ESE UNI, unha obra creada por Eduardo Hermida que recolle a esencia, os valores e o sentimento que rodea ao club, converténdose nun testemuño da súa identidade dentro e fóra da pista.

O acto contou coa presenza de destacadas personalidades do ámbito deportivo e institucional. Interviñeron Santiago Rey, presidente de BAXI, quen puxo en valor a importancia de proxectos que fortalecen o vínculo entre deporte, empresa e territorio; Eduardo Hermida, autor do libro, que explicou o proceso creativo da obra e o significado emocional que encerra; e Antonio Leira, deputado de Deportes da Deputación da Coruña, que salientou o papel do deporte como ferramenta de cohesión social e de transmisión de valores.

Durante a presentación destacouse que ESE UNI non é só un libro, senón unha declaración de principios, unha maneira de entender o deporte baseada no compromiso, no traballo colectivo e no orgullo de pertenza.

Entre o público asistente estiveron Moira Joiner, Blanca Millán, Silvia Millán e Lino López, en representación da primeira plantilla, que quixeron acompañar este momento simbólico para o club e compartir coa afección e coas institucións unha xornada marcada pola emoción e o recoñecemento ao camiño percorrido.

A presentación de ESE UNI converteuse así nun encontro para celebrar a historia, o presente e o futuro dun proxecto deportivo que segue medrando sen perder a súa identidade.