O vindeiro derbi galego que se disputará no Pavillón da Malata contará cunha actuación moi especial antes do inicio do encontro. A cantante Lucía Pérez será a encargada de interpretar o Himno Galego no partido entre o BAXI Ferrol e o Durán Maquinaria Ensino, nunha cita que promete emoción tanto dentro como fóra da pista.

Natural de O Incio e unha das voces máis recoñecidas da música galega actual, Lucía Pérez volverá poñer o seu talento ao servizo do deporte e da cultura do país nun escenario tan simbólico como A Malata e nun partido de máxima rivalidade autonómica.

Deste xeito, o BAXI Ferrol quere contribuír a realzar o carácter especial do derbi, reforzando o vínculo entre o club, a súa afección e a identidade galega, nun día no que o baloncesto feminino será o gran protagonista.

O club anima a toda a afección a acudir con tempo ao pavillón para gozar deste momento previo ao encontro e apoiar ao equipo nun partido clave da tempada.