As xogadoras do BAXI, da man de CLESA, protagonizaron no día de hoxe unha xornada moi especial fóra da pista xunto aos alumnos e alumnas do CEIP Plurilingüe San Xoán e do CEIP Eladia Mariño Cabanas, nunha iniciativa centrada na educación, os valores e a proximidade entre o deporte profesional e a comunidade educativa.

Durante as visitas, os escolares participaron nun completo programa de actividades que incluíu un obradoiro de radio, no que puideron coñecer de primeira man como é o día a día da comunicación no deporte profesional, así como xogos en pista, fomentando a práctica deportiva, o traballo en equipo e os hábitos saudables.

Un dos momentos máis destacados da xornada foi o paso por unha sala de prensa moi especial, na que os máis pequenos e pequenas asumiron o papel de xornalistas e realizaron preguntas ás xogadoras e ao corpo técnico, demostrando curiosidade, ilusión e un grande coñecemento do baloncesto.

No CEIP Plurilingüe San Xoán participaron Alba Sánchez-Ramos, Moira Joiner, Lino López e Jorge Rey, mentres que no CEIP Eladia Mariño Cabanas a visita correu a cargo de Clémentine Samson e Elena Rodríguez.

Como peche desta experiencia, os nenos e nenas de ambos centros acompañarán ao equipo no partido deste sábado, levando á bancada a ilusión e o vínculo creado durante a xornada.

Esta iniciativa reforza o compromiso do BAXI e CLESA coa formación en valores, a promoción do deporte e a proximidade coas novas xeracións.