O BAXI Ferrol continúa dando forma ao seu proxecto deportivo para a tempada 2026/27 coa incorporación de Kateřina Galíčková, primeiro fichaxe do conxunto ferrolán de cara ao novo curso.

A xogadora súmase ao equipo dirixido por Lino López co obxectivo de achegar talento, intensidade e experiencia ao cadro nunha tempada ilusionante para o club e para a súa afección.

Kateřina Galíčková é unha xogadora versátil, capaz de desempeñarse en varias posicións, cunha gran intelixencia táctica e unha excelente comprensión do xogo. Destaca pola súa capacidade para ler as vantaxes, xerar xogo para as súas compañeiras e achegar fluidez ofensiva grazas á súa visión e calidade no pase. Ademais, conta cun sólido lanzamento exterior e unha importante capacidade para cargar o rebote, cualidades que encaixan plenamente na filosofía competitiva do BAXI Ferrol.

A xogadora checa chega procedente do KP Brno, equipo co que xa visitou A Malata durante a tempada 2024/25, polo que coñece o ambiente do pavillón ferrolán e o apoio da afección. Esta incorporación suporá ademais a súa primeira experiencia profesional fóra do seu país.

Con este movemento, o BAXI Ferrol inicia a construción dun cadro ambicioso para afrontar con garantías os retos da tempada 2026/27.