Hai xogadoras que deixan pegada polos seus números. Outras, polos éxitos acadados. E despois están aquelas que deixan unha marca imposible de borrar no corazón dun club. Blanca Millán pertence a ese grupo especial.
Tras dúas tempadas inesquecibles defendendo a camisola do BAXI Ferrol, chega o momento de dicir ata logo a unha xogadora que foi moito máis ca unha peza clave dentro da pista. Blanca foi exemplo diario de loita, sacrificio e profesionalidade, representando en cada adestramento e en cada partido os valores deste club.
Profeta na súa terra, Blanca converteuse nun dos grandes símbolos dun equipo que fixo historia, acadando o subcampionato da EuroCup Women e facendo soñar a toda unha cidade. O seu compromiso, carácter competitivo e capacidade para aparecer sempre nos momentos importantes quedarán para sempre na memoria da familia ferrolá.
Pero se algo conseguiu Blanca desde o primeiro día foi conectar coa nosa afección. Co seu traballo, coa súa proximidade e coa súa maneira de sentir o baloncesto, gañouse o cariño de todos e cada un dos estamentos do club.
Marcha unha grandísima xogadora, pero sobre todo unha persoa moi querida dentro e fóra da pista.
Grazas, Blanca, por facer da nosa casa tamén a túa.
Grazas por cada esforzo, cada emoción e cada momento vivido xuntas.
A Malata sempre será o teu fogar.
Moita sorte no teu futuro, Blanca