O BAXI Ferrol continúa perfilando o seu proxecto deportivo para a tempada 2026/27 coa incorporación de Maggie Doogan, xogadora estadounidense que reforzará o xogo interior do conxunto dirixido por Lino López.

Doogan destaca pola súa versatilidade, capacidade física e lectura do xogo, podendo achegar en diferentes posicións grazas á súa mobilidade e talento ofensivo. A nova xogadora ferrolá sobresae tamén pola súa intensidade defensiva, capacidade reboteadora e habilidade para xerar vantaxes tanto preto do aro como en situacións de tiro exterior.

Coa súa chegada, o BAXI Ferrol incorpora unha xogadora con gran proxección e marxe de crecemento, que encaixa coa filosofía competitiva e dinámica do club.

Desde o club queremos darlle a benvida a Ferrol e desexarlle moitos éxitos nesta nova etapa defendendo as cores do BAXI Ferrol.

Benvida ao Inferno de Punta Arnela, Maggie!