O BAXI Ferrol e Gala Mestres chegaron a un acordo para que a xogadora continúe formando parte do proxecto deportivo do club durante a tempada 2026/27.
A xogadora catalana afrontará así a súa cuarta campaña defendendo a camiseta ferrolá, consolidándose como unha das xogadoras máis queridas pola afección e unha peza importante dentro do vestiario universitario.
A renovación chega nun momento moi especial para Gala, xa que este martes naceu Max, o seu primeiro fillo xunto a Damián. Desde o BAXI Ferrol queremos trasladar os nosos parabéns á familia e compartir a nosa alegría por esta feliz noticia.
Durante as súas tempadas no club, Gala Mestres destacou pola súa entrega, intensidade e compromiso, contribuíndo aos éxitos deportivos dun equipo que alcanzou fitos históricos, entre eles o subcampionato da EuroCup Women e a consolidación do proxecto na elite do baloncesto feminino español.
Coa súa continuidade, o BAXI Ferrol segue avanzando na construción do cadro de xogadoras que competirá na tempada 2026/27, unha campaña especial na que o equipo disputará os seus encontros como local en Punta Arnela mentres se executa a remodelación integral da Malata.
O club deséxalle a Gala e á súa familia toda a felicidade nesta nova etapa persoal e celebra poder seguir contando co seu talento e compromiso dentro da pista.
Benvida de novo, Gala.
