O BAXI Ferrol e Claire Melia chegaron a un acordo para ampliar a súa vinculación, polo que a xogadora irlandesa continuará defendendo a camiseta universitaria na tempada 2026/27.
Coa súa renovación, o club asegura a continuidade dunha das xogadoras máis determinantes da súa historia recente e dunha das grandes referentes para a afección ferrolá, protagonista dos éxitos acadados polo equipo nas últimas campañas.
Desde a súa chegada a Ferrol, Claire Melia converteuse nunha peza fundamental do proxecto deportivo, destacando pola súa capacidade competitiva, a súa entrega e a súa regularidade baixo os taboleiros. O seu traballo e compromiso foron claves para que o BAXI Ferrol vivise dous anos inesquecibles, nos que o equipo consolidou a súa presenza na elite do baloncesto español e alcanzou fitos históricos como o subcampionato da EuroCup Women.
Pero máis aló dos números, Claire conseguiu algo reservado para moi poucas xogadoras: gañarse o corazón da bancada. Co seu carácter, a súa paixón e a súa identificación co club, converteuse nunha das grandes iconas do vestiario universitario e nun dos símbolos do crecemento experimentado polo proxecto nas últimas tempadas.
A súa continuidade representa un paso importante na construción do equipo que competirá na tempada 2026/27, un curso especial no que o BAXI Ferrol disputará os seus encontros como local en Punta Arnela mentres se executa a remodelación integral da Malata.
Coa renovación de Claire Melia, o club continúa apostando por manter a identidade e o espírito competitivo que levaron ao equipo a facer historia.
Porque hai xogadoras que pasan por un club.
E hai outras que se converten na súa historia.
Claire Melia seguirá escribindo a súa en Ferrol.
