O BAXI Ferrol pechou a incorporación da pívot letoa Nikola Priede (Riga, 2003) para incorporarse á disciplina do primeiro equipo de cara á vindeira campaña da Liga Femenina Endesa. A xogadora, de 1,88 metros de estatura, chega procedente do baloncesto universitario de Estados Unidos, onde asinou unha traxectoria brillante na División I da NCAA.
Priede vén de asinar unha última tempada espectacular nas Vermont Catamounts, liderando ao seu equipo cunhas medias de 17.4 puntos, 7.5 rebotes e 1.5 tapóns por partido. O seu gran rendemento colectivo e individual na conferencia America East serviulle para alzarse co galardón de Xogadora Defensiva do Ano e ser incluída no Quinteto Ideal da competición, ademais de disputar o prestixioso torneo nacional do March Madnes.
A nivel internacional, a nova pívot é unha das firmes promesas do baloncesto báltico. Coa selección de Letonia, proclamouse subcampioa de Europa Sub-20 no ano 2023, amosando a súa capacidade para competir ao máximo nivel europeo.
Coa súa fichaxe Lino López suma centímetros, poder reboteador, intimidación e unha excelente capacidade anotadora na zona para consolidar un proxecto que quere seguir dando moito que falar na elite do baloncesto nacional.
💙 Benvida a Ferrol, Nikola.
🔥 Benvida a #OINFERNODEPUNTAARNELA.
